O pasado luns, a nosa cooperativa LAREGA, participou como ponente por primeira vez na xornada ‘A transformación do Emprendemento’, celebrada no Parador de Ferrol, organizada por COFER no marco do convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e o IGAPE, e presentada polo seu presidente Cristóbal Dobarro.
Un evento no que se trataron temas clave para o desenvolvemento do emprendemento na nosa comunidade, que comezou coa presenza de José Manuel Fernández, subdirector de asesoramento empresarial do IGAPE, que nos explicou as iniciativas de apoio ao emprendemento impulsadas dende a Xunta de Galicia.
Durante a nosa intervención, participamos na mesa sobre emprendemento en economía social, un espazo enriquecedor onde compartimos ideas con referentes como EspazoCoop, representada pola su directora xerente, Lucía Mendoza, e Alén Soluciones Circulares, coa intervención de Claudia Rodríguez, socia cooperativista. Nesta mesa, abordamos cuestións como os nosos inicios como emprendedoras, as vantaxes de apostar pola fórmula cooperativa e os motivos que nos levantaron a escoller este modelo empresarial, así como a nosa contribución á promoción da economía social na nosa contorna. Ademais, compartimos estratexias para a resolución de conflictos internos e ofrecemos consellos prácticos para outros emprendementos en economía social.
A xornada continuou falando sobre a importancia de integrar os criterios ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) nas empresas actuais, grazas á intervención de Ana Botas, xerente de VIRATEC, e concluíu abordando como o marketing dixital pode ser un motor clave no emprendemento de hoxe, con exemplos reais de Alejandro Ruiz, account manager de Hyliacom.
Dende LAREGA, agradecemos moito que contaran con nós para este evento, onde puidemos seguir aprendendo e compartindo experiencias para fortalecer o emprendemento na economía social.